|
Tras a reunión de alto nivel de Nacións Unidas en Nova York, e baixo o lema “Unha promesa non é nada. Maniféstate e esixe que se cumpra” AS ONGD’S PIDEN A PARTICIPACIÓN CIDADÁ MASIVA PARA PASAR DAS PROMESAS AOS FEITOS NA ERRADICACIÓN DA POBREZA A Alianza Española contra a Pobreza pide a participación nas mobilizacións deste mes de outubro para poder acadar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) Santiago, 10 de outubro de 2008.- A Alianza Española contra a Pobreza escolleu este mes de outubro para realizar distintas mobilizacións contra a pobreza en todo o país. Tras a reunión de alto nivel de Nacións Unidas en Nova York e baixo o lema “Unha promesa non é nada. Maniféstate e esixe que se cumpra”, a organización quere facer notar que “con promesas non se xanta, non se cura, non se protexe ás persoas que viven en situación de pobreza”. Este é o eixo da campaña que convida este ano ás mobilizacións de outubro e que quere encher as r&uaas de cidadáns e cidadás comprometidas para esixir pasar das palabras aos feitos. As manifestacións do ano pasado sumaron máis de 40 millóns en todo o mundo. A Alianza pretende que este número se incremente, xa que “a situación global empeorou”. |
|
A vindeira semana, e no marco da Semana contra a Pobreza, que se celebra entre o 13 e o 19 de outubro, as mobilizacións terán lugar por todo o país. En Santiago de Compostela, os actos estarán organizados pola Coordinadora Galegas de ONGD’s e comezarán o mércores 15, cunha rolda de prensa no CIP e unha mesa redonda pola tarde, na Fundación Caixa Galicia. O venres 17, unha concentración na Praza Roxa pretende mobilizar a miles de persoas, ante as que se lerá o manifesto. Todas estas actividades pecharanse cun acto central en Galicia que terá lugar en Vigo, o sábado 18, a partir das 12.30 h. A manifestación comezará o seu percorrido na Praza da Independencia e rematará na Praza da Constitución. A organización pide aos asistentes que leven posta roupa branca, xa que a banda branca de pobreza cero identifica esta campaña. |
|
Unha de cada catro persoas é pobre Uns 1.400 millóns de persoas, un de cada catro habitantes do planeta, segue vivindo na pobreza. No entanto, o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero afirmaba na pasada Asemblea Xeral das Nacións Unidas que“os países desenvolvidos non poden escusar o incumprimento das súas obrigas na situación dos mercados”, instando á comunidade internacional a reforzar as medidas necesarias para lograr o cumprimento dos ODM. Sen embargo, este cumio só logrou recoller o compromiso dos países de aportar 16.000 millóns de dólares cando se necesitan ao redor de 150.000 ao ano ata 2010 para acadar este propósito. Unha declaración de boas intencións que non agocha a realidade de que o ano 2015 -fixado para acadar as metas de mellora de condicións de vida para gran parte da poboación- está cada vez máis preto e os ODM non se cumprirán de continuar como ata agora. Só palabras A Declaración do Milenio do 2000 foi asinada por 189 xefes de estado e goberno. Sen embargo, esta vontade política para facer fronte ao problema da pobreza non se acompañou de recursos suficientes. Acabar coa pobreza é posible. Para Pablo Martínez Osés, representante da Alianza, “nestes momentos, en medio da crise financeira mundial, estamos asistindo a unha intervención decidida por parte de gobernos como o de EEUU, que supón un investimento ata 10 veces maior do que se estimou necesario para cumprir os ODM”. En momentos de crise económica, estímase que 75 millóns máis de persoas pasarán fame por causa da suba dos alimentos e do combustible. Por este motivo, é obriga dos países máis ricos reforzar os compromisos adquiridos. Zapatero ratificou ante Nacións unidas o seu compromiso de acadar o 0'7% do PIB destinado á axuda ao desenvolvemento. Esta é unha das reivindicacións históricas da sociedade civil que a Alianza expuxo con maior forza. Non se trata unicamente dunha cuestión de cantidade, pois resulta vital que a axuda sexa eficaz: que vaia destinada aos países que máis a necesitan, que se invista en servizos sociais básicos, polo menos nun 20%, e que estea desligada de intereses económicos e comerciais. Malia os diversos compromisos internacionais asumidos por España no eido da Cooperación Internacional, seguen pendentes temas tan importantes como a abolición da débeda externa e avanzar na adopción dunhas normas xustas para o comercio internacional. |